Saturday 04 de May de 2024

A Fundación CETMAR presenta á industria pesqueira e acuícola europea os avances do proxecto PRIMEFISH para mellorar a competitividade do sector


Empresas e representantes dos gobernos de España, Italia, Grecia, Alemaña, Islandia e Estados Unidos coñeceron os primeiros resultados desta iniciativa nunha reunión en Parma

A primeira reunión anual do proxecto PRIMEFISH celebrouse na cidade italiana de Parma coa participación activa do Centro Tecnolóxico do Mar, socio desta iniciativa que financia a Unión Europea a través do programa Horizonte 2020.

A Fundación CETMAR participa neste proxecto liderando as tarefas de comunicación e a interacción coa industria e os axentes implicados. Nesta ocasión propiciou a participación dunha ducia de representantes da industria pesqueira e acuícola europeas, que puideron coñecer o traballo desenvolvido polo consorcio PRIMEFISH para mellorar a competitividade deste sector.

Presentáronse así os avances do proxecto en materia de prezos e resultados económicos na pesca e acuicultura, así como cadeas de valor e tendencias en produtos, consumidores ou mercados. A reunión permitiu ademais coñecer o punto de vista da industria en diversas mesas redondas nas que os representantes do sector expuxeron as súas necesidades e problemas, como a importancia de dispor de datos fiables ou de ter en conta as grandes diferencias existentes entre as pautas de consumo de pescado en diversos países.

A análise deses e doutros datos compilados ao longo deste primeiro ano de vida do proxecto permitirá aos socios de PRIMEFISH xerar novos coñecementos sobre o comportamento competitivo dos sectores pesqueiro e acuícola nos mercados locais, tanto en Europa como a nivel internacional.

A información obtida empregarase para o desenvolvemento de modelos de simulación e predición que permitirán planificar a produción, prever o éxito de potenciais produtos ou detectar as necesidades de mercado, entre outros aspectos. Será a través dunha ferramenta web que axudará a mellorar a toma de decisións no futuro, e para a que se terán en conta as conclusións dos encontros mantidos esta semana en Parma con representantes do Goberno español, asociacións empresariais e compañías españolas, italianas, gregas, alemás, islandesas e de Estados Unidos.

PRIMEFISH
O proxecto PRIMEFISH é unha iniciativa dun consorcio formado por 14 centros de investigación europeos e dous centros con sede en Canadá e Vietnam que traballan xuntos para mellorar a competitividade dos sectores da pesca e da acuicultura dende marzo de 2015 e ata febreiro de 2019.

A actividade neste primeiro ano de vida do proxecto centrouse na análise da competitividade da pesca (bacallau e arenque) e da acuicultura (troita, salmón, dourada, robaliza e panga), as relacións nas cadeas de valor nestas especies, as tendencias de consumo e a interacción coa industria europea. Para todo iso mantivéronse unha vintena de encontros con representantes de compañías españolas, italianas, gregas, danesas, alemás, norueguesas, islandesas e do Reino Unido, o que permitiu coñecer as principais preocupacións do sector en canto a variabilidade dos prezos e adaptación dos produtos pesqueiros ao mercado, entre outros.